10/29/2006

"Paramos os institutos para que o galego exista "

A Mocidade da Mesa pola Normalización convocou para o 8 de novembro un paro en defensa do galego no ensino.
Un dos obxectivos principais é o cumprimento da Carta Europea das Linguas, pola que debería estar garantido o dereito ao ensino en galego.
Francisco Rei, da Mocidade pola Normalización e Iria Taibo, responsábel nacional desta organización, presentaron en conferencia de imprensa a convocatoria de paro para o 8 de novembro. Xustificaron a convocatoria pola falta de aplicación das medidas legais vixentes a respecto do galego no ensino medio, que protexen os dereitos dos estudantes. Os representantes da Mocidade pola Normalización explicaron a variedade de textos legais que indican que a presenza do galego nas aulas de ensino medio debería ser moito maior do que é, e a inconcreción por parte das autoridades educativas á hora de respectar estas normas. Falaron de “medidas propagandísticas” e de “falta de respecto aos dereitos lingüísticos dos estudantes” por parte da Consellaría de Educación. Desde a Mocidade da Mesa pola Normalización Lingüística lembran que xa en 2004 se producira unha mobilización en protesta polo incumprimento do Decreto 247/95, que marca as materias que deben ser impartidas en galego. Ademais, no propio ano 2004 foi aprobado o Plan de Normalización Lingüístico co apoio dos tres grupos do Parlamento galego. Neste Plan establecíanse varias medidas nas que apenas se avanzou.A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias foi ratificada en 2001 no Congreso dos Deputados, é un tratado de obrigado cumprimento que garante, por exemplo, o dereito dos galegos e as galegas a recibiren o ensino na lingua de Galiza. O Consello de Europa xa chamou a atención á Xunta en 2005 pola non aplicación deste tratado, mais a día de hoxe non houbo ningún movemento desde a Consellaría de Educación nesa dirección.A Mocidade pola Normalización Lingüística quere demostrar á Conselleira a través do paro convocado para o 8 de novembro que o estudantado galego é consciente dos seus dereitos e non está disposto a que continúen a ser ignorados.