O 16 de setembro de 1880 entrou en servizo o treito dende A Pobra de San Xiao. Todo o pobo estaba na estación para ver a chegada do ferrocarril.
Unha das datas máis destacadas na historia da Terra de Sarria é a do 16 de setembro de 1880, cando foi posto en servizo o treito A Pobra de San Xiao-Sarria, da liña de A Coruña a Palencia. A chegada do tren a Sarria, na estación alzada na parroquia de Requeixo, sería saudada pola totalidade da poboación, e mesmo foi obxecto dunha sentida composición poética da autoría de Antonio Vázquez Macía. Éste e o tamén sarriao Manuel Díaz de Freixo, dirixiron o día 20 de setembro de 1880 unha comunicación a La Ilustración Gallega y Asturiana na que reflicten o estado de excitación xerada pola consecución dun medio de comunicación tan longamente arelado, e que non permitiría a comunicación con Madrid ata dous anos máis tarde. O primeiro convoi que a Sarria chegou procedía de A Pobra de San Xiao, lugar este que, entre os da comarca, foi o que tivo o privilexio de coñecer antes o que no século XIX era paradigma de progreso: o ferrocarril.Moitas foron as dificultades e atrancos financieiros que houbo que vencer, sendo de destacar a loita teimuda do Conde Pallares, coa axuda de deputados e senadores provinciais, sen esquencer tampouco a participación ilusionada no proxecto por parte do sarriao Matías López. Ubicación Activas xestións houbo que facer para que a estación, que ía proxectada para a banda do Bosque da Condesa (O Mazadoiro), polo tanto doutro lado da vía con relación a Sarria, fose construída perto da Ponte do Mazadoiro, para o que se fixo necesario desviar o Rego do Mazo, facendo así posible acceder á estación sen necesidade de atravesar a vía. O 16 de setembro foi festa grande na vila. Na palabra dos corresponsais Díaz de Freixo e Vázquez Macía: «A ledicia rompeu todos os diques, moitos convalecentes abandoaron os seus leitos, e non había face que non amosase os transportes do ardente entusiasmo que o corazón sentía. Músicas bombas e voadores saudaron ó desexado hóspede, e unha improvisada orquestra de nenos afeizoados obsequiou pola noite cun sarao o persoal facultativo das obras, e especialmente o seu xefe o enxeñeiro Miralles, quen con celo incansable, merecente de todo louvor, apresurou todo o humanamente posible a consecución de tan lisonxeiro resultado».«Comprende a sección agora ultimada 14 quilómetros que con 22 que dista Lugo de A Pobra, forman o total da vía aberta á explotación, no presente ano, na liña que arrinca desde A Coruña, sendo o último traxecto, o que vai dende A Pobra a Sarria, un dos máis belos e pintorescos que recorre a locomotora en Galiza e cecais no resto de España. Bordea constantemente as beiras do río Sarria polo medio de pradeiras deste inimitable verdor que só a natureza pinta, e baixo da frondosa ramaxe de ameneiros e castiros que prestan amenidade, beleza e frescura ós seus abertos vales, poboados de multitude de aldeas, e atravesa o dito río en tres puntos por sólidas e elegantes pontes de 30 metros de luz. Cruza tamén a trincheira de Ronfe, notable pola dureza do seu granito e grande cubo de desmonte, que foi a causa de moito retraso nas obras, e cuxa dificultade con moitas outras, entre elas a colocación de sete pontes, deixou vencidas o teimudo e intelixente esforzo do enxeneiro do consello, Xoaquín L. de Letona, a quen por tan inapreciables servizos e outros de que lle é debedor este pobo, rendello hoxe a nosa gratitude o recordo do seu cariñoso e recíproco afecto», decían.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Moitas felicidades Jesika polo teu primeiro post enlazado con A.O.P
tu e mais Aspirino de Barcelona sodes a flor e nada desta páxina que cada vez e mais de todos .
Pronto vira mais xente e esto será mais divertido .
Felicades pola historia do ferocarril
Gustoume motio
Publicar un comentario